Un artigo de Xoán Antón Pérez-Lema publicado en www.elidealgallego.com
Son dos que pensa que Caamaño é dos mellores Ministros de Xustiza, amáis de ser dos poucos que non é nacionalista español. ¿Lembran vostedes aqueles Michavilas ou Bermejos? Pois daquela entenderanme. Caamaño asumiu no 2009 unha reforma procesual que acadou case 300 artigos e agora anuncia unha nova reforma, que compre analisar.
A primeira reforma, suprimindo na práctica o acceso á casación civil e contencioso-administrativa (agás, probabelmente para recursos sobre normas regulamentarias baseados en Dereito estatal) á meirande parte dos asuntos vai no camiño dunha meirande autonomización da xustiza. Cómpre que os preitos que nazan na Galicia rematen na Galicia. Na práctica, o propio Tribunal Supremo encargouse de inadmitir a meirande parte dos recursos que se prantexaron nos últimos dez anos. E nos pouquísimos que admite, moitas veces sobarda a estreita marxe casacional para actuar como segunda apelación. Manterase, en calquera caso, a casación para Dereito civil galego do TSXG. Dereito civil galego que máis cedo ca tarde acadará a tutela, a custodia dos menores (a Comisión consultiva de expertos da Xunta tende á custodia compartida) no caso de divorcio ou o réxime económico-matrimonial (a devandita Comisión considera adoptar a separación de bens como réxime matrimonial subsidiario faltando pacto). É dicir, tenderá a regular en exclusiva o Dereito da Persoa, da Familia e Sucesións.
A segunda reforma suprime as apelacións en preitos civis de menos de 6000 €. Medida certamente discutíbel. Moito máis urxente semella regularmos a apelación penal a respecto das sentenzas ditadas en única instancia polas Audiencias, só susceptíbeis de recurso de casación, que non pode entrar a revisar os feitos declarados probados de xeito xeral. O Estado español segue a incumprir a normativa internacional de dereitos humanos, que consagra a obrigatoridade da dupla instancia penal. Semella, asemade, que han ser os TSXG os que reciban esta competencia para coñecer desta caste de recursos, que desprazarian os recursos de casación perante o Tribunal Supremo actuais.
Mais a medida que xerará moi graves prexuizos para a saúde da nosa democracia e a aplicación da condena as custas procesuais nos procedementos contencioso-administrativos. A arbitrariedade administrativa adoptará novos folgos, xa que os cidadans tenderán a non recorrer diante da posibilidade de perder nas custas fronte a un Concello, unha Xunta de Galicia ou unha Administración do Estado que xa de por si asumen unha posición avantaxosa no proceso.
Enlace permanente
Imprimir artículo