Inauguración da Cidade da Cultura


12 de enero de 2011




Artigos de Manuel Bragado e Antón Losada


Manuel Bragado. O acto de inauguración da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, que suporá tamén a apertura ao público  da Cidade da Cultura a partir de mañá, amosou a profunda fenda que nesta lexislatura se abriu na política galega.

Resultoume incomprensible a ausencia no acto dos membros do BNG, o partido que tivo a principal responsabilidade durante o seu período de goberno na construción e finalización de ambos os dous edificios inaugurados esta mañá, así como en imprimir un maior pulo ao desenvolvemento do proxecto ideado por Manuel Fraga e Xesús Pérez Varela. Só polo respecto que merece o traballo desenvolvido por Ánxela Bugallo e polos membros do seu equipo ao longo de catro anos nesa dificilísima tarefa, a dirección do BNG debeu ter asistido a un acto ao que acudiron membros dos máis diversos sectores da sociedade e da cultura de noso. Unha presenza protocolaria que non impediría o lexítimo exercicio de crítica aos contidos e a forma de xestión escollida para a CdC por parte do actual Goberno Galego. Outrosí sucede coa ausencia de Emilio Pérez Touriño, o ex-presidente da Xunta, que sempre defendeu a continuidade do proxecto.

Resultoume desafortunado que Alberto Núñez Feijóo aproveitase o seu protocolario discurso inaugural para incluír con sutileza a Camilo Jose Cela na historia da literatura galega, ao citar que nesta «biblioteca poderán consultarse os manuscritos do único premio nóbel da literatura galega», un comentario que con certeza non asumirían ningún dos nosos membros da Real Academia Galega nin o profesorado de literatura galega das nosas tres universidades.

Con todo, para min o máis abraiante do acto sucedeu xusto ao remate da interpretación do himno galego por parte do Coro Gaos, que foi acompañado pola gaiteira Cristina Pato. No momento de acometer «nazón de breogán» os coristas (por un razón para min descoñecida) fixeron a omisión da palabra «nazón». Non sabería chamar doutra maneira a ese pianissimo tan suaviño e tan inintelixible para describir como acometeron o sintagma pondaliano, unha elipse coincidente cun tiro da gaiteira ourensá. Unha situación corrixida ao remate do acto por un berro cívico de «nazón, nazón» pronunciado por un dos convidados. Un berro, sen dúbida, moi oportuno, xa que o Arquivo e a Biblioteca de Galicia hoxe inaugurados, como toda a Cidade da Cultura, deberán estar ao servizo da nazón, da súa lingua e da súa cultura. Eis o primeiro criterio para xestionar un proxecto para todos os galegos e as galegas que, a pesar do seu enorme custo de construción e mantemento (cifras que se deberían facer públicas), non pode de maneira ningunha hipotecar o futuro do resto das políticas culturais públicas. Facer compatibles ambos os dous criterios non vai ser doado, razón pola que os responsables deste traballo ben merecen, ao inicio do seu camiño, os nosos mellores desexos de éxito.

Ligazón permanente:





Antón Losada. Será una gran avance para o autogoberno galego o día que alguén decida que meter nun acto oficial un piano de cola, uns violíns ou un barítono, non o fai máis fino. Non digamos xa, cando deixemos de perpetrar ese horrible mix gaita-coral para interpretar o himno. Aportacións todas que debemos ao Touriñismo. Neso Fraga tiña mellor gusto, coma cos coches.

Deixando a parte ises detalles, recoñezo que non teño una opinión formada sobre o conxunto arquitectónico, que so puidemos ver parcialmente. A primeira impresión é que sobra algo de columna, abusa algo demais do pladur e se excede un pouco na arte do alicatado integral. No seu favor, compre alegar que é discreto no uso do gotelé, os acabados sonche de calidade e as caídas da auga semellan ben tiradas.

Tamén concordo co que dicían a maioría de cantos por alí andaban e o levaban visto varias veces. Hai que miralo con calma e con tempo, tendo claro o que está acabado e o que non. Ë diferente e co tempo, e o roce, se lle colle cariño a un esforzo tan sentido e tan sostido por demostrar que a humanidade equivocouse ao desprezar a liña curva como parámetro fundamental na arte da arquitectura.

Para o final do acto, a organización tíñanos reservada a maior das sorpresas. Segundo a interpretación megacursi do himno que atacaron, Galicia xa non é Nazom de Breogán. Senón que é ......... (silencio) de Breogán. Na mellor tradición de Democracia Feijoniana, vaise someter a consulta popular cómo encher semellante baleiro e evitar así o perigoso horror vacui colectivo. As opcións son:

1. Galicia é o galpón de Breogán

2. Galicia é o motel de Breogán

3. Galicia é un pivot do Breogán

Anímense en voten. Galicia non pode, pero vostede sí.


Ligazón permanente:


Imprimir artículo