Publicado no Diario Oficial de Galicia do 27 de maio
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
III. Outras disposicións
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 25 de maio de 2011 pola que se regula a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico.
O artigo 35.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que os cidadáns, nas súas relacións coas administracións públicas, teñen dereito a identificar as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas, baixo cuxa responsabilidade se tramiten os procedementos.
En desenvolvemento desta previsión normativa a entón Inspección Xeral de Servizos, da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas emitiu a Circular n.º 3/1994, do 11 de novembro de 1994, sobre o sistema de identificación e control horario dos empregados públicos da Xunta de Galicia.
O avance das novas tecnoloxías e os sistemas de comunicacións ten o seu reflexo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, que recolle como a primeira das súas finalidades de carácter xeral no seu artigo 2.1.A): «a) Ordenar e impulsar a Administración electrónica, co gallo de mellorar a eficiencia interna, as relacións intra e interadministrativas e as relacións cos cidadáns», e no seu artigo 18 regula a identificación electrónica dos empregados públicos mediante sistemas de sinatura electrónica e determina que se poderá aplicar para outros usos.
Cómpre así, e para o conxunto do sector público autonómico, regulado na Lei 16/2010, do 17 de decembro, establecer unha tarxeta que sirva tanto para a identificación presencial do empregado/a ante os cidadáns como para permitir ao persoal e á Administración acceder ás prestacións e servizos derivados do avance das novas tecnoloxías e a implantación da administración electrónica.
Artigo 1. Obxecto.
Esta orde ten por obxecto regular a creación e uso da tarxeta acreditativa do persoal ao servizo do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2. Ámbito subxectivo.
A tarxeta acreditativa do persoal ao servizo do sector público autonómico será de utilización obrigatoria para o seguinte persoal:
a) Os altos cargos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, modificada pola Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.
b) Persoal funcionario, laboral e estatutario ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico, segundo o define e regula a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
d) O persoal eventual que non estea incluído no ámbito de aplicación das leis a que fai referencia a alínea a) deste artigo.
A tarxeta non será de aplicación ao persoal que preste servizos en centros sanitarios e centros educativos.
Artigo 2. Finalidades da tarxeta.
A tarxeta terá as seguintes finalidades:
a) Identificar e acreditar o seu titular como persoal ao servizo do sector público autonómico, nos ámbitos da Administración xeral da comunidade autónoma, e das entidades instrumentais.
O persoal que desempeñe funcións de atención presencial ao cidadán deberá levar nun lugar visible a tarxeta.
b) A identificación electrónica dos empregados públicos, de conformidade co disposto no artigo 18 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
c) Permitir o acceso a sistemas de información e áreas restrinxidas.
d) Mellorar o control do acceso aos edificios e instalacións.
e) O seguimento do cumprimento do horario e xornada laboral polos empregados públicos, facilitando o control dos supostos de diminución e redución de xornada, e a implantación do horario flexible e o teletraballo.
Artigo 3. Contido.
As tarxetas deberán levar a fotografía do seu titular, o seu nome e apelidos e o número do DNI co formato que se recolle no anexo da presente orde.
A nivel tecnolóxico disporá das seguintes capacidades:
a) Chip criptográfico que permitirá o almacenamento de varios certificados dixitais (entre eles, o certificado para persoal ao servizo das administracións públicas e o certificado de persoa física).
b) Identificación por radiofrecuencia (chip RFID de proximidade) que permitirá o control de acceso a lugares de acceso restrinxido e a instalacións con acceso controlado mediante elementos de impedimento de paso.
c) Banda magnética como contedor de datos do profesional para a súa utilización en sistemas de información que requiran destes datos.
Artigo 4. Expedición e utilización.
As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia ou ente correspondente, que as expedirá e entregará aos seus titulares, que deberán garantir a súa custodia, utilizalas de xeito persoal e intransferible e, conforme as instrucións e medios facilitados, comunicar de inmediato os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento, e devolvelas cando cesen na prestación dos seus servizos ou sexan requiridos para o efecto para a súa substitución ou renovación.
Os titulares poderán ser requiridos para a súa identificación por outros medios cando existan dúbidas sobre a súa identidade ou a utilización correcta da tarxeta.
Disposición adicional.
Facultase os titulares dos centros directivos competentes nas materias de modernización e innovación tecnolóxica e avaliación e reforma administrativa para ditar, no ámbito das súas respectivas competencias, cantas disposicións e instrucións sexan precisas para o desenvolvemento da presente norma.
Disposición transitoria.
A expedición de tarxetas farase de maneira progresiva, comezando polo persoal funcionario, laboral e estatutario ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
As actuais tarxetas reguladas pola Circular n.º 3/1994, do 11 de novembro de 1994, sobre o sistema de identificación e control horario dos empregados públicos da Xunta de Galicia da extinta Inspección Xeral de Servizos manterán a súa vixencia mentres non sexan substituídas polas reguladas na presente orde.
Disposición derradeira.
A presente orde entrará en vigor ao seguinte día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO
O deseño da tarxeta acreditativa do persoal ao servizo do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia axústase ás normas contidas no manual de imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Anverso
|
Reverso
|
Nas tarxetas do persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico figurará, ademais, situado á esquerda do logotipo da Xunta de Galicia, a expresión «Entidades instrumentais do sector público autonómico».
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2011.
Alfonso Rueda Valenzuela
Imprimir artículo