Comunicado da Platafoma Sindical Unitaria


26 de marzo de 2011


Preme na imaxe para ampliala

SR. DIRECTOR XERAL DE XUSTIZA DE GALICIA
Praza de Europa nº 5 4 andar.
Santiago de Compostela.



As organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, reclamamos de forma insistente a firma dun Acordo Administración-Sindicatos que garanta os dereitos dos traballadores de cara á implantación da Nova Oficina Xudicial. Dereitos, sen cuxo concurso, non sería posible esta implantación e que pasarían por cuestións tales como a conversión de reforzos en cadros de persoal, a non redución dos cadros de persoal actuais - nin por corpos nin por localidades -, a oferta de emprego público, reserva de función, concursos de traslados, estrutura retributiva única, diferenciación dos postos de traballo por seccións e/ou equipos, separación das UPAD por xurisdicións, mobilidade voluntaria para solicitar praza nos concursos de traslados a UPAD concreta e a seccións ou equipos concretos de cada Servizo Común, formación, negociación do complemento retributivo que evite discriminación con outros territorios, etc.,

Se ben é certo que o pasado mes de decembro se nos deu traslado dun borrador de Acordo, este documento aínda non foi negociado nunha mesa específica, tal e como solicitamos e ao que vostede se comprometeu. Lonxe diso, a Dirección Xeral pretendeu, a semana pasada, a constitución da Comisión Técnica para a implantación da Nova Oficina Xudicial, demostrando, unha vez máis, que non entendeu que para as organizacións sindicais tales cuestións son prioritarias porque representan os dereitos básicos dos traballadores - aqueles a quen se confía, en última instancia, a efectividade da Nova Oficina Xudicial-.

Na primeira carta xa lle transmitimos que a firma do acordo Administración-Sindicatos debía ser negociada, asinada e publicada no DOG antes de comezar a negociación da Implantación da Nova Oficina Xudicial, pois a finalidade do acordo é garantir os Dereitos consolidados dos traballadores da administración de Xustiza de Galicia.

Polo tanto, antes da constitución da Comisión Técnica, consideramos imprescindible que a Dirección Xeral celebre unha reunión exclusiva cos sindicatos onde, non só se negocie este Acordo, senón onde se aborden outras cuestións tales como a implantación do LEXNET - aproveitando para recordarlle ao Director Xeral a súa promesa, incumprida ata a data, de celebrar unha reunión monográfica sobre este tema -, as implicacións e consecuencias da firma do contrato coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou o calendario de implantación de LEXNET, tendo en conta que hai xulgados nos que aínda non comezou a formación do MINERVA-NOJ e que - pola súa propia dinámica - non debería de iniciarse a segunda etapa da formación, lexnet, sen finalizar a primeira, Minerva-Noj.

As OO.SS abaixo asinantes consideramos imprescindible a convocatoria, unha vez finalicen as eleccións, dunha Mesa de Negociación para pechar o Acordo Administración-Sindicatos que garanta os Dereitos dos traballadores na NOJ e unha Mesa Monográfica, á que vostede e o Conselleiro se comprometeron, sobre a Implantación de Lexnet no que afecta aos traballadores.

De non cumprir con estas dúas peticións as OO.SS tomaremos as medidas de presión que sexan necesarias para conseguir o acordo e a convocatoria da Mesa de Negociación. Por último queremos recordarlle que os traballadores non estamos en contra da Modernización da Administración de xustiza, o que estamos é en contra das imposicións.

Imprimir artículo