Os medios galegos fornecen múltiples achegamentos dixitais a Lois Pereiro


17 de mayo de 2011


Publicado en www.codigocero.com

Lois Pereiro, nos anos oitenta, na Coruña
Como xa sabemos todas e todos a estas alturas, este mércores a celebración do legado literario de Lois Pereiro (Monforte 1958 - A Coruña 1996), e por extensión a festividade das nosas Letras, coincide cunha circunstancia que nos implica de cheo e que, conectando un pouco coa obra do poeta, abrolla tamén da modernidade: o Día da Internet. Sen vontade de banalizar a sobranceira contribución artística do autor de Conversa ultramarina (Positivas) comparándoo coa revolución dixital, non se pode deixar de lado que a Rede galega axudou moito, ao longo destes meses, a espallar o coñecemento sobre Pereiro. Webs específicas, blogs, entradas diversas, imaxes, sons, anacos da súa obra: a listaxe foi interminable. Hoxe, na xornada previa ao Día das Letras e de Internet, facemos un novo repaso deste seguimento. De feito e como era de agardar, a Rede ferve máis que nunca de accións informativas e conmemorativas arredor do autor de Poesía última de amor e enfermidade.

Comezamos. Como era máis que previsíbel, os medios dixitais onde máis e mellor se fala estes dias de Lois Pereiro, o poeta monfortino festexado na nova edición das Letras, son os medios dixitais que apostan polo galego. Xornal.com, nesta liña, ofrece un máis que amplo feixe de contidos, con artigos de Alberto Ramos, Iago Martínez, Manuel Rivas ou Marcos Calveiro, e (entre outras cousas) cun apartado sobre a visión dos fotógrafos que o retrataron (como Vari Caramés, que achegou á Rede unha fermosa serie de pequenos anacos da vida de Pereiro). Todo isto e máis pode verse no máis que completo suplemento publicado por Xornal este 15 de maio, dispoñíbel en formato pdf, cuxa portada reproducimos na imaxe.

Salientar tamén a contribución de Galicia Hoxe, que abre a súa edición dixital deste luns 16 cunha reportaxe onde se reflicten (entre outras cousas) as lembranzas que Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, garda de Lois, a quen considera non só un dos máximos responsables da renovación das nosas Letras nas pasadas décadas, senón tamén un dos grandes culpables de que o labor literario deixase atrás certos estereotipos formais, volvéndose máis accesíbel e encarnándose en feituras de modernidade con firmes conexións aos grandes artistas europeos do seu momento. Isto explicaría, reflicte Galicia Hoxe, o importante interese que espertou a figura de Pereiro a tódolos niveis da nosa sociedade.

Importante tamén é o seguimento sobre a festa deste martes que se está a facer dende as webs do Consello da Cultura Galega, publicando o facsímile e o estudio crítico da revista Loia (na que Lois Pereiro presentou unha parte da súa obra), achegando unha relación completa dos actos previstos para a xornada das Letras e (tamén) poñendo a disposición dos internautas contidos audiovisuais de toda índole para reivindicar e celebrar a figura do autor monfortino. Esta última sección, chamada Cinema Lois, é unha escolma de diversos achegamentos fílmicos á figura de Pereiro, a celebración do Día das Letras “máis multimedia”, en palabras do Consello da Cultura, reflectida a través de videocreacións, curtametraxes e documentais de diversos autores e procedencias.

A parte do importante labor xornalístico que ofrecen os devanditos medios, aos que cómpre engadir tamén a contribución de A Nosa Terra (moi salientábel os días pasados, malia que este luns 16 na redacción de Código Cero foinos imposible acceder ao seu sitio web), é preciso destacar igualmente o gran labor de divulgación levado a cabo dende o blog loispereiro.blogaliza.org (a bitácora dixital que centralizou e centraliza a información xerada na Internet arredor do poeta, dando conta de todo tipo de contidos e accións arredor del: teatro, música, conferencias, lecturas públicas, audiovisual) e máis o traballo de promoción desenvolvido ao abeiro de Mundo Lois, complemento dixital do espectáculo teatral do mesmo nome, estreado o 4 de marzo no Auditorio de Vigo e posto en marcha por un equipo de creadores galegos entre os que se atopan Lino Braxe a Antón Reixa.

Enlace permanente

Imprimir artículo