Escrito remitido por CCOO de Xustiza ao Director Xeral de Xustiza
Sr. Director Xeral de Xustiza:
Praza Europa 5-A, 4º
Santiago de Compostela
Estes días pasados iniciáronse novamente as múltiples obras de mellora do edificio xudicial de Ferrol, pendentes de executarse tras o abandono das mesmas polo problemas económicos padecidos pola empresa inicialmente adxudicataria.
Como vostede saberá, todo o persoal do Xulgado de 1ª Instancia nº 3 da cidade (dez persoas en total) está no soto do edificio, ocupando provisionalmente unhas dependencias feitas para albergar a seis persoas durante o horario das gardas.
O devandito Xulgado foi trasladado a esas dependencias mentres se acondicionaban o local que ocupaban anteriormente (na actualidade ocupado polo Xulgado de Instrución nº 1), o local que ocuparán eles definitivamente, e o local que ocupa o Xulgado de 1ª Instancia nº 4.
Polo que temos entendido, a programación que tiña a Administración en canto ao acondicionamento dos ditos locais era o seguinte:
- traballar no local que ocupaba o Xulgado de 1ª Instancia nº 3 e trasladar a el ao Xulgado de Instrución nº 1 (xa executado);
- reparar o local baleiro do Xulgado de Instrución nº 1 (actualmente a media execución) e trasladar a el de forma provisional ao Xulgado de 1ª Instancia nº 4;
- acondicionar o local baleiro do Xulgado de 1ª Instancia nº 4;
- por último trasladar o Xulgado de 1ª Instancia nº 4 ao seu local renovado e trasladar por último o Xulgado de 1ª Instancia nº 3 ao local arranxado que inicialmente ocupaba o Xulgado de Instrución nº 1.
Todas estas obras e traslados suporían unha gravosa situación para o persoal do Xulgado de 1ª Instancia nº 3, que terían que permanecer no soto durante todo o proceso dende o inicio ata o remate do mesmo.
O feito de permanecer no soto durante todo o tempo que supuxo a paralización das obras e o retardo das mesmas, fai que as condicións de traballo nas que se atopa actualmente o persoal do Xulgado de 1ª Instancia nº 3 sexan totalmente intolerables.
Con tal motivo, reclamamos que se dea absoluta prioridade, sobre todas as obras pendentes no edificio xudicial, ao remate do local que con carácter definitivo ocupará o Xulgado de 1ª Instancia nº 3 e ao urxente traslado do mesmo desde as dependencias que ocupa a este novo local.
Posteriormente o Xulgado de 1ª Instancia nº 4 poderá trasladarse de forma provisional a outras dependencias mentres se acondiciona o local que ocupa na actualidade, evitando así maiores prexuízos dos xa padecidos ao persoal do Xulgado de 1ª Instancia nº 3.
Solicitámoslle que a presente reclamación se traslade urxentemente á Dirección Xeral de Presidencia, á Dirección de Obra da Sociedade Pública de Investimentos e á empresa En Piedras Sigras, S.L. encargada actualmente da execución das obras.
Imprimir artículo