Comparecencia de Santiago Roura en el Parlamento


26 de mayo de 2008


MaY26
Comparecencia de Santiago Roura Gómez, secretario xeral de la Consellería de Presidencia, en el Parlamento de Galicia

  • Roura Gómez sostuvo que Galicia maneja un “modelo competencial insatisfactorio” en justicia
  • Reclamó mayor capacidad de decisión en la creación de unidades y la transferencia de los secretarios judiciales
  • Manifestó que el Gobierno gallego incrementó la inversión en la Justicia gallega, que está comprometido financieramente con esta actuación y que sigue tres líneas de actuación: planificación, transparencia y regularización y control del gasto


TEXTO COMPLETO DE LA NOTICIA

O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Santiago Roura Gómez, afirmou hoxe na Comisión 1ª do Parlamento que Galicia manexa un modelo competencial “insatisfactorio” porque reflicte unha dificultade na xestión. Neste sentido, hai unha heteroxeneidade de dependencias orgánicas e funcionais que moitas veces acaba producindo “ineficiencias” na financiación, eido no que hai decisións que só son mera proposta da Comunidade Autónoma como a identificación das unidades xudiciais que se abren en cada exercicio anual e son soportados polos orzamentos galegos en case nun 90%. Así, o secretario xeral lembrou que as competencias autonómicas no ámbito de Xustiza céntranse en tres eidos: persoal, medios materiais e proposta de decisións e de normas.

O Goberno galego sumouse á reclamación da potenciación das competencias da Comunidade para ter, por exemplo, unha capacidade de decisión, máis alá da mera proposta, na creación de esas unidades xudiciais ou na conformación dos partidos xudiciais. A Xunta tamén reclama a transferencia do corpo de secretarios xudiciais posto que a Comunidade é responsable en medios persoais e titular dos funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza, pero ten sobre os secretarios xudiciais unha incidencia funcional “moi mediata” dificultando a acción do Goberno. Ademais, para saír deste marco competencial insatisfactorio é preciso a identificación da achega de valor que aporta cada un dos axentes que intervén na Xustiza para poder distribuír de maneira moito máis eficiente os recursos dos que se dispón. Así o dixo Roura Gómez.

Medios materiais

O investimento na Xustiza galega nos últimos anos significa un compromiso financeiro do Goberno actual para poñer todo o que está na súa man para a mellora efectiva da xustiza, segundo Roura Gómez. De feito, pasouse de 9 millóns de euros de investimento en xustiza no 2005 a máis de 9,3 millóns en 2008. Ese compromiso está penetrado por varias liñas de actuación: planificación, transparencia e regularización e control do gasto. De 2005 a 2008, deuse unha evolución cara ao incremento do investimento. Así, neste período, o crecemento do investimento inmobiliario en obras para a Administración de Xustiza “é evidente”, que ascende a 5,4 millóns de euros sen contar coas achegas da Sociedade Pública de Investimentos (SPI).

En 2005, 2006, 2007 e ata o pasado 15 de maio 2008 investiuse en Xustiza en tres grandes áreas: o subministro, os servizos e a execución en obras. En canto aos subministros, pasouse de 1,7 millóns de euros no 2005 a 2,6 ou 2,3 no 2006 e no 2007, respectivamente. No que vai de 2008 van 676.000 euros e, segundo o secretario xeral, parece que se vai chegar a cifras semellantes aos dos dous anos anteriores. En servizos de Xustiza tamén se observa unha evolución dende o 2005 -560.000 euros de investimento- a 2006 -869.000 euros-, 2007 -1,27 millóns de euros- ou ata mediados de maio deste ano -807.000 euros-, cando xa se superaron en menos de cinco meses os investimentos de todo o 2006. En canto aos orzamentos de obras, Roura Gómez valorou que se pode comprobar, por parte do Goberno galego, un “compromiso financeiro para a mellora das condicións” na Xustiza galega. Deste xeito, neste primeiros meses de 2008 xa se executou 1,5 millóns de euros –case a totalidade do que se inverteu en todo o ano 2005-.

Así, o secretario xeral explicou que hai proxectos de nova edificación en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras e A Estrada. Ademais, tamén salientou a inmediata entrega do proxecto de execución da Cidade da Xustiza de Vigo, as cesións de terreos pendentes para poder edificar na Coruña, en Ourense, en Santiago e na Estrada e a cesión de terreos que ven de efectuarse no Barco de Valdeorras. A execución destas novas construcións leva varios e exercicios e a planta xudicial non pode deixar de medrar sobre a base da inexistencia de dependencias onde ubicar servizos de xustiza que se teñen demostrado necesarios e, por iso, en Vigo, Coruña e en Ourense se van efectuar accións de mellora das situacións existentes a través de acondicionamento ou rehabilitación de edificios, afirmou. Tamén se levarán a cabo actuacións deste tipo na Estrada, en Ferrol, Tui, Celanova, Betanzos, Cambados, Vilagarcía, Porriño e Ponteareas, segundo o secretario xeral.

Seguridade e asistencia xurídica gratuíta

En todos os edificios xudiciais de Galicia xa se dispón de medios de seguridade grazas á creación da Unidade de Vixilancia en Edificios Xudiciais (UVEX) en colaboración co Ministerio do Interior, explicou Roura Gómez. Para este fin destinarase case 1,6 millóns de euros este ano e tamén se procederá á dotación doutros elementos de seguridade como arcos, escáneres e arcos, dixo. Así mesmo, Roura Gómez indicou que a asistencia xurídica gratuíta é un dos compromisos máis relevantes e tense incrementado, dende o 2005, en máis dun 29% en orzamentos. Ademais, segundo avanzou, realizaranse outras actuacións como a dotación de medios para o IMELGA, a disposición de armarios compactos e a supresión de barreiras arquitectónicas.

Normalización lingüística e novas tecnoloxías

Segundo Roura Gómez, o Goberno galego aposta pola normalización lingüística a través da multiplicación das actividades formativas, presenciais e telemáticas para a capacitación en lingua galega, coa inscrición en galego nos libros dos rexistros civís, coa tradución das aplicacións informáticas, entre outras actuacións.

No relativo ás novas tecnoloxías, o secretario xeral da Consellería de Presidencia dixo que “as aplicacións informáticas en uso máis antigas na Administración de Xustiza en Galicia datan de 2005” e no 2008 “informatizarase toda a Administración de Xustiza en Galicia porque só están pendentes os servizos de notificacións e embargos”. Tamén explicou o que chamou “a aposta polas novas tecnoloxías” do seu departamento no eido da Xustiza. Neste sentido, lembrou o reparto de ordenadores portátiles a todos os fiscais, médicos forenses, xuíces e maxistrados en Galicia para facilitarlle o traballo e a dotación de pantallas TFT para todos os traballadores dos xulgados.

Ademais, Roura Gómez falou da xeralización da viodeoconferencia IP de tal xeito que as comparecencias “xa non ocupan unha mañá enteira”. Unha das apostas máis importantes é, segundo o secretario xeral, o programa rexistro civil en liña nos 45 rexistros civís principais de Galicia – no 2005 só estaba informatizado un- para, por exemplo, a dixitalización dos libros do rexistro ou para a solicitude telemática de certificados. Falou así dunha “aposta pola administración electrónica”. En xuño, comezará a implantarse este programa no resto dos rexistros civís –os municipais, atendidos por xulgados de paz- e rematará, probablemente, en 2009, concretou.

Ademais, o secretario xeral dou conta da evolución a nivel tecnolóxico que se produciu dende 1998 na Xustiza galega, ano no que só estaba implantado o Programa Libra. No 2002 logrouse poñer en marcha o Programa Minerva, pero só na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En 2005 avanzouse co Libra II, no 2006 co Programa Fortuny nas fiscalías e no 2007 informatizáronse os xulgados de menores e os de vixilancia penitenciaria co Minerva.

Ademais, o ano pasado tamén se implantou o Programa Asklepios no instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) e estase a completar a implantación do Minerva en todas as salas do TSXG. Actualmente todos os xulgados mixtos de Galicia contan coa “mellor aplicación informática que existe e máis moderna: a Minerva”, dixo o secretario xeral. No 2008 tamén se implantará a aplicación Minerva en todos os xulgados do social e do contencioso administrativo de Galicia. Así mesmo, está a piques de facerse efectiva a implantación de Lexnet, sistema para a comunicación segura e que aforrará tempo, anunciou Roura Gómez.

Fuente: Xunta de Galicia



Imprimir artículo