Nota informativa da mesa de formación celebrada o 7 de xuño


9 de junio de 2011


Nota informativa de CCOO de Xustiza



O día 7 de xuño, a Dirección Xeral de Xustiza convocounos a todas as centrais sindicais, na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago, a unha Comisión de Formación para tratar do plan de formación do vindeiro ano 2012, tal e coma se comprometera na última reunión do pasado 14 de abril.

Os representantes da EGAP, presentes nesta mesa, manifestaron, en relación coa convocatoria do plan de formación 2011, que se publicaría a semana que vén e que os cursos de formación deste ano comezarían a partir do mes de setembro.

A EGAP manifestou que para a convocatoria deste ano 2011 faltan formadores para impartir catro dos cursos que se ofertan (a nova oficina judicial, formación sobre o traballo nos servizos comúns xerais organización xudicial, e execución civil) polo que se acordou poñer un anuncio na intranet de xustiza para que todos aqueles funcionarios interesados en impartir estes cursos poidan apuntarse a través do enlace coa páxina da EGAP que se colgará na intranet. Estes profesores-titores terán que ter coñecementos en informática, preferentemente na plataforma Moodle que é a que usa a EGAP para impartir estes cursos.

Respecto á convocatoria dos cursos de galego deste ano para os funcionarios que se atopan fóra da Comunidade, comunicáronnos que para o curso medio, que este ano se fará como novidade na modalidade de teleformación, houbo un total de 163 solicitudes, das cales só haberá matrícula para 30 persoas, primando a antigüidade para facer o dito curso.

CCOO, o pasado 19 de maio, remitíralle ao responsable da programación de cursos da EGAP unha carta valorando o esforzo feito para levar adiante esta formación vía Internet, pero protestando polo reducido número de prazas para este curso e pedindo o aumento do número de prazas ofertadas. As nosas previsións cumpríronse e a realidade é que agora 133 funcionarios quedarán sen poder facer o dito curso o que causa un grave prexuízo persoal e profesional a todos eles, xa que se atoparán en desvantaxe no próximo concurso de traslado con respecto a todos os que si poidan realizalo.

En canto ao curso de linguaxe xurídica superior, en modalidade presencial, recibiron 19 solicitudes para a realización do curso en Vigo e tan só 10 solicitudes para facelo na Coruña, polo que a intención da administración é facer unha soa edición nunha sede aínda por determinar pero que se consensuará cos matriculados.

E xa con respecto ao plan de formación do ano 2012, obxecto da convocatoria desta mesa, por CCOO reiterouse a necesidade de facer unha formación personalizada de adaptación ao novo posto de traballo, formación que xa se fai con éxito noutras Comunidades, e cuxo fin sería atender as necesidades formativas dos funcionarios titulares e interinos que accedan a un novo posto de traballo que leve implicado un cambio de xurisdición e requiran coñecementos básicos nesa orden xurisdicional, así coma coñecementos dunha determinada aplicación informática. O desenvolvemento desta acción formativa faríase mediante a figura do titor e deberán fixarse os criterios de selección destes titores. Tanto a EGAP coma a DXX mostráronse receptivos respecto a esta nova modalidade de formación que intentaremos desenvolver nas próximas mesas de traballo para que poida ser unha realidade no vindeiro ano 2012.

CCOO pediu que con respecto á formación dos próximos anos se crearan ciclos formativos en determinadas materias, estruturadas por niveis, que se negociarían entre a EGAP, a DXX e todas as organizacións sindicais nas vindeiras mesas de traballo. A EGAP fixou para comezar esta nova negociación da formación o vindeiro día 27 de setembro. Todos os sindicatos pedimos que houbera unha reunión previa a esta data coa DXX para concretar as liñas formativas que rexeran a formación nos próximos anos e a valoración dos cursos nas futuras RPT’s


Entradas relacionadas

Imprimir artículo