Os funcionarios mobilízanse contra Feijóo


16 de mayo de 2011



Os funcionarios da Xunta convocan este xoves unha concentración en San Caetano para denunciar a campaña de "desprestixio" da Xunta e de Feijóo contra eles e na que, din, participa La Voz de Galicia.

Facía tempo que non había tanta unidade entre os funcionarios. Pero os ataques que nas últimas semanas están recibindo, segundo eles, por parte da Xunta e de La Voz de Galicia teñen acabado coa súa paciencia.

Todos os sindicatos da Xunta de Galicia, sen excepción, acordaron iniciar mobilizacións contra o que consideran unha campaña de "desprestixio" contra eles que impulsa a propia Xunta e, especialmente, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"Dignificación" do funcionario

Por iso, acaban de crear unha comisión de traballo para a "Dignificación do Empregado público" que acordou, entre outras cousas, convocar unha gran concentración o vindeiro 19 de maio ante as dependencias da Xunta en San caetano, mentres se celebra o Consello da Xunta, para dar resposta aos "continuos ataques a través da prensa e do presidente da Xunta".

Baixo o lema "En defensa da dignidade do/a empregado/a público", todos os sindicatos chaman a unha concentración libre na que cada quen poida levar cartelería con lemas varios, chifros, ou calquera cousa para facerse notar. A Xunta e persoal repartirá panfletos e cartelería entre os asistentes sobre a campaña que tanto a Xunta como determinados medios e, nomeadamente La Voz de Galicia, teñen comezado contra eles.

"Rectificación" de La Voz

Por iso, entre as medidas adoptadas por esta comisión tamén está a de remitir unha carta emprazando á este xornal a que "cese e rectifique de xeito inmediato a campaña de acoso e derribo" contra os empregados públicos.

Ademais, acordaron entregar varias misivas máis. Unha carta emprazando ao presidente da Xunta de Galicia, como máxima autoridade de persoal, "a que cese nos seus ataques contra o colectivo traballador" dos servizos públicos da Administración Autonómica e a que "rectifique publicamente as súas declaracións ofensivas con respecto ás baixas de persoal,control horario e as queixas pola tardanza en cobrar as nóminas". A outra para a Consellería de Facenda para que manifeste que non se vai producir ningún recorte nos soldos nin máis atrasos na percepción das
nóminas.

Enlace permanente

Imprimir artículo