Sánchez Aguión afirma que «os violentos non poderán co sindicalismo de clase»
09-02-2011.- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) solidarízase coa UGT da Coruña, cuxa sede foi obxecto dun atentado con cóctel molotov durante a pasada madrugada. O secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, afirma que «os violentos non poderán co sindicalismo de clase» e vincula estes feitos con anteriores agresións contra os dous sindicatos.
Así, Sánchez Aguión lembra que diferentes instalacións de CCOO e da UGT —e mesmo vivendas de persoas próximas a ambas as organizacións— foron agredidas en 2010 con artefactos incendiarios, «tentativas de amedrentar» que foron acompañadas en numerosas ocasións con pintadas, moitas veces «de ton claramente ameazante».
O secretario xeral de CCOO asegura que «non é casual» que o atentado contra a UGT da Coruña suceda «menos de dous días despois de que nas nosas sedes de Santiago de Compostela aparecesen pintadas reclamando 'lume' contra os dous sindicatos».
Por último, Xosé Manuel Sánchez Aguión advirte de que «ningunha ameaxa rebaixará a intensidade do noso traballo», e que CCOO e UGT contan co aval que lles deron «millóns de traballadoras e traballadores en todo o estado a través das eleccións sindicais».
Imprimir artículo
